Wednesday 08 de May de 2024

O ciclo “Novembro, mes do humor” pecha este venres cunha actuación de Marta Doviro


Memorias dunha rapasa da costa é o título do espectáculo que presenta este venres no Museo do Humor Xaquín Marín a cómica, actriz e presentadora de espazos de entretemento (Malo será, De quen vés sendo?…) Marta Doviro. Trátase do primeiro monólogo da artista, un “exercizo cómico sobre a nosa forma de ser e de facer, en contraposición ao que os medios e o cine nos poñen como modelo”. A función comezará o venres, 25 de novembro, ás 20 horas, con entrada libre e de balde. Espectáculo para público adulto.

En Memorias dunha rapasa da costa, Marta fala do seu periplo polas distintas vilas do lugar nas que viviu durante gran parte da súa infancia ata hoxe, retratando en clave de comedia, o carácter carismático das súas xentes, experiencias, vivencias e ata historias reais de piratas”. Ademais, como cinéfila empedernida que é, obsequia ao público cun divertido paralelismo entre a nosa realidade (a realidade galega) e a realidade “hollywoodiense” (a que vemos nas películas).

Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).